BENVIDOS!!!

O equipo da biblioteca do CEIP San Bartolomeu da a benvida a toda a comunidade educativa (alumnado, familias, profesorado...) que queiran participar neste blogue, aportando comentarios, suxerencias, peticións ... . Animádevos!!!
Aquí atoparedes lecturas recomendadas, enlaces a outros blogues , actividades que estamos a levar a cabo e todo aquilo que se nos vaia ocorrendo.

lunes, 21 de diciembre de 2020

RECOMENDACIÓNS LECTORAS PARA ESTE NADAL

Como todos os anos aquí tedes unhas recomendacións para desfrutar da lectura na casa. 

Aínda estades a tempo de poñelas na carta de Papá Noel ou na dos Reis Magos.

Bo Nadal!






RECANTO DE NADAL

Aquí temos o recanto de Nadal un pouco diferente ao doutros anos.

Este curso, en lugar de poñer aquí libros sobre esta época do ano, temos unha escolma de manualidades feitas polos nenos e nenas. Sabemos que temos na biblioteca moitos libros sobre manualidades e, precisamente neses, están baseadas estas creacións.





viernes, 18 de diciembre de 2020

NOVAS!

Chegou outro lote de libros das vosas peticións!

Sei que o primeiro lote vos fixo moita ilusión. 

Agárdovos na biblioteca.

Biquiños, 

Mouchán






miércoles, 9 de diciembre de 2020

Mouchán escoitou as vosas peticións.

As novidades desta semana son moi especiais posto que son as peticións que lle fixestes a Mouchán.

Mirade o vídeo e achegádevos á biblioteca para poder desfrutalas.



miércoles, 2 de diciembre de 2020

ESTÁS AO DÍA DAS NOVIDADES?

Temos máis libros na biblioteca. Aquí vos presentamos unha colección de clásicos e uns libros interesantísimos para coñecer a prehistoria e descubrir a orixe dalgunhas cousas.





sábado, 28 de noviembre de 2020

SEGUEN CHEGANDO LIBROS PARA A BIBLIOTECA

Nesta ocasión temos novos libros moi variados e moi interesantes.

Botádelles unha ollada e ide pensando cal será o próximo que solicitaredes como empréstito.





viernes, 20 de noviembre de 2020

MÁIS COUSIÑAS PARA A NOSA VIDEOTECA

 Chegaron un montón de películas novas coas que pasar moi bos ratos de lecer.

Achégate á biblioteca para coñecelas.







viernes, 13 de noviembre de 2020

NOVIDADES PARA SABER MÁIS

Queres saber de onde veñen algúns dos alimentos que temos na casa? Nesta colección coñecerás a orixe do arroz, o aceite, o chocolate, o pan, o mel, o ovo, o leite e a auga.

Trátase dunha colección de contos con cancións, rimas e pezas teatrais que explican a través de divertidas clases e excursións coa mestra Teresa a elaboración destes alimentos.





miércoles, 11 de noviembre de 2020

CONCURSO DE RELATOS DE MEDO

En relación coa celebración do samaín, realizouse un concurso de relatos de medo. Foi unha actividade organizada en colaboración entre varios equipos: biblioteca, extraescolares e normalización lingüística.

O pasado mércores día 4, ao finalizar a celebración do magosto entregáronse os premios aos gañadores. Concretamente, houbo tres premios en cada ciclo da etapa de educación primaria.

Dámoslle os parabéns a todos aqueles nenos e nenas que participaron.

A continuación tedes os gañadores e gañadoras:

1º ciclo:

        1º premio: Mencía (2º curso) - "A aventura do tataravó Xosé".

        2º premio: Xulia (1º curso) - "A tumba do vampiro".

        3º premio: Diego (2º curso) - "Terror na casa".


2º ciclo:

        1º premio: Adrián (4º curso) - "O pesadelo de Xan".

        2º premio: Carla (4º curso) - "A lenda de samaín".

        3º premio: Lucía (3º curso) - "As tres bruxas".


3º ciclo:

        1º premio: Lucía (5º curso) - "O boneco diabólico".

        2º premio: Miguel (6º curso) - "Os cabaleiros errantes".

        3º premio: Celia (6º curso) - "A pantasma da fábrica".





viernes, 30 de octubre de 2020

O NOSO COLE GAÑADOR DO II CONCURSO DE PODCASTS RADIO NA BIBLIO

Hoxe temos unha moi boa noticia.

O noso cole gañou o premio no II Concurso de Podcasts- Radio na Biblio cun podcast creado con motivo da visita do escritor Antonio García Teijeiro. Fíxose un traballo previo importante  a ese día  desde as diferentes áreas para coñecer, por unha banda, a este autor, a súa obra... e, pola outra, a elaboración dun programa de radio dentro do noso proxecto relacionado cos medios de comunicación. 

Nesta ocasión, os encargados de entrevistar na nosa radio a Antonio García Teijeiro foron Saúl, Breixo e Lucía. Dámoslles a noraboa a todos.

Podes volver a escoitar o podcast no seguinte enlace da nosa canle de Ivoox.

https://www.ivoox.com/antonio-garcia-teijeiro-radio-chans-audios-mp3_rf_57581618_1.html



miércoles, 28 de octubre de 2020

AS MOCHILAS VIAXEIRAS XA ANDAN EN CIRCULACIÓN.

Con motivo da celebración do Día das Bibliotecas o pasado sábado 24  de outubro, entregamos xa en cada aula a correspondente mochila viaxeira.

Este ano, como novidade, non teremos só unha mochila por aula, senón que serán dúas! Deste xeito, ao devolver a mochila "A", a seguinte que viaxará será a mochila "B" para que permaneza o suficiente tempo para a súa cuarentena e desinfección para garantir a seguridade de todos.

Esperamos que desfrutedes dos libros que nelas van.

Un saudiño, 

Mouchán





RECANTO DE SAMAÍN

 Andade con moito coidado!!!

No noso recanto temos uns libros preparados para dar mooooito medo!

Unha chea de historias e de personaxes terroríficos estante agardando.






viernes, 16 de octubre de 2020

Novas normas da biblioteca

 Ola nenos e nenas.

No vídeo tedes as normas da biblioteca para seguir gozando deste espazo con total seguridade.

Tamén as tedes na entrada para volver a repasalas cando precisedes.

Vémonos axiña.




jueves, 15 de octubre de 2020

ESTAMOS DE VOLTA!

 Bo día nenos e nenas!

Dámosvos a benvida a este novo curso tan diferente Como non podía ser doutro xeito, a biblioteca abre de novo as súas portas pero con algunhas modificacións.

Polo de agora, recordade esta data: luns 19 de outubro. Este día xa estará aberta.

Mentres, estes días, cando pasedes por diante, botádelle unha ollada ás novas normas da biblioteca que veredes na entrada. Tamén tedes que poñer atención ao horario no que podedes entrar segundo o curso no que estades.

Veredes que axiña estaremos adaptados a esta "nova normalidade" da biblioteca de Mouchán.

Deste xeito, poderemos seguir desfrutando da lectura con todo o que temos na nosa biblioteca dunha forma segura. Pero ollo! Estade sempre atentos ás novidades que irán saíndo e que xa vos adianto que son moitas.

No seguinte vídeo Mouchán explícavos con máis detalle cousiñas deste curso.




viernes, 19 de junio de 2020

MOUCHÁN RECOMENDA PARA O VERÁN...

Desde a biblioteca desexámosvos un moi bo verán e unhas felices vacacións. Poderedes descansar e desfrutar do voso tempo de lecer despois do traballo que fixestes ao longo destes meses.
Como non podía ser doutro xeito, Mouchán recoméndavos unhas lecturas que considera moi interesantes, entretidas e divertidas.

BO VERÁN!




jueves, 18 de junio de 2020

AS NOVAS DE SAN BARTOLOMÉ NO FARO DE VIGO

Este ano o noso cole participou no proxecto  do Faro de Vigo chamado "Faro da Escola". Preténdese con el achegar o mundo xornalístico aos máis cativos formando lectores con pensamento crítico á vez que se traballa a expresión escrita.
No marco do proxecto documental integrado que traballamos este ano que levaba por título "Os medios de comunicación: Radiochans" o alumnado investigou sobre diferentes medios, visitou as dependencias dun xornal e dunha radio local, recibiu formación sobre a elaboración de noticias e o coidado da fotografía nas mesmas da man de profesionais do Faro de Vigo, entre outras actividades.

O proxecto "Faro da escola" tiña inicialmente o propósito de que o cole publicase un xornal coas novas elaboradas desde os diferentes niveis tanto de educación infantil como de primaria. Como todos sabemos, este curso foi moi diferente pola situación que nos tocou vivir e, este proxecto, non foi unha excepción, de xeito que a súa extensión tivo que verse reducida. Por suposto non se cancelou e mañá venres, día 19 de xuño, o Faro de Vigo vai adicado ás novas dos diferentes coles. Nel contaranse algunhas novas que tiveron lugar no noso centro e noutros.

Hoxe, xoves 18, todos os coles participantes recibimos un bonito recordo desta iniciativa nun acto celebrado en Vigo.


lunes, 15 de junio de 2020

PREMIO "MOUCHAR" Á MELLOR PELÍCULA DE ANIMACIÓN

Este proxecto dos alumnos de 6º leva por título: “O peliculón: a miña película de animación favorita”. Nel trataron de combinar diferentes medios de comunicación: radio, televisión e cine. Ía ser presentado no colexio, mediante unha gala cinematográfica, pero a pandemia e o posterior confinamento provocaron a imposibilidade de realizalo deste xeito e ter que adaptalo á nova situación. A pesar dalgunhas limitacións técnicas que tivemos, esperamos que vos guste.


lunes, 8 de junio de 2020

"TREMOEDO TRAVELER: MOUCHÁN VAISE DE VIAXE"

Presentamos a revista de viaxes co traballo realizado polo alumnado do 2º ciclo de Educación Primaria de Reforza-t.

Esperamos que o desfrutemos. A ver se algún día podemos visitar estes lugares que nos explican e recomendan.

Preme na imaxe para vela e vai pasando as páxinas na frechiña da dereita.


lunes, 1 de junio de 2020

ÚLTIMA ENTREGA DOS VIDEOCONTOS DE MESTRES

Pechan esta sección as mestras de liguas estranxeiras: Vanessa (francés) e a auxiliar de conversa, Alicia (inglés) con dous contos infantís ben coñecidos por todos. Prestade especial atención!
Esperamos que os desfrutedes.
Grazas ao profesorado participante nesta actividade, que puxeron toda a súa arte e agarimo para vós. 
A profe Alicia presenta: "The ugly duckling".

A profe Vanessa cóntanos: "Le grand gros navet".