BENVIDOS!!!

O equipo da biblioteca do CEIP San Bartolomeu da a benvida a toda a comunidade educativa (alumnado, familias, profesorado...) que queiran participar neste blogue, aportando comentarios, suxerencias, peticións ... . Animádevos!!!
Aquí atoparedes lecturas recomendadas, enlaces a outros blogues , actividades que estamos a levar a cabo e todo aquilo que se nos vaia ocorrendo.

miércoles, 21 de diciembre de 2022

RECOMENDACIÓNS LECTORAS NADAL 2022

Ola nenos, nenas, familias...!!!

Este trimestre está chegando á súa fin e xa estamos máis preto das agardadas festas do Nadal.

Nesta época, teremos tempo para desfrutar moito máis: xogando, pintando, bailando, cantando... e, por suposto, una das mellores formas de pasalo ben é cun libro nas nosas mans co que aprender, rir, viaxar, imaxinar...

No seguinte vídeo vos deixo unhas recomendacións lectoras por se queredes sacar algunha ideíña para ler ou para engadir ás vosas cartas de desexos para o Nadal.

Agardo que pasedes unhas moi felices festas!

Vémonos á volta con máis lecturas e máis xogos!

Un saudiño, 

Mouchán



jueves, 17 de noviembre de 2022

NOVO RECANTO

Nesta ocasión o noso recanto está dedicado ao mar.

Vén para aprender cousas da nosa ría. Hai tanto que non sabemos da nosa contorna...

Mira o seguinte vídeo.



jueves, 10 de noviembre de 2022

MÁIS LECTURAS!

Nesta ocasión traemos tamén unhas novidades moi interesantes.


Para aquel alumnado que é moi curioso, lle encanta aprender cousas novas e se fai moitas preguntas son marabillosos os libros "Una palabra para cada día" da colección Los Superpreguntones e "365 datos curiosos". Os que xa coñecen a colección dos Minimortos ou para os que se queren iniciar nela, tedes a nova aventura titulada "Ai, que risa". Os aventureiros aos que lles gusta a intriga podedes facer o empréstito de "Las aventuras de Billie B. Brown en busca del tesoro". Por último, aqueles cativos que desexen disfrutar cunha fermosísima historia podedes ler "O ladrón de paraugas".

martes, 8 de noviembre de 2022

NOVIDADES MARIÑEIRAS

Ola mouchiños e mouchiñas.

Temos catro libros novos na nosa biblioteca que están moi relacionados co noso proxecto da ría posto que falan do mar.


- "O libro da illa de Ons": Mario e Sariña faranse amigos na Illa de Ons. Era a illa que Sariña ollaba desde a súa casa e que sempre quiso coñecer. Perdeu o medo ao barco e alá foi vivir aventuras.

- "Xa voooou": cóntanos a historia de Suit, un peixiño distraído que vive no fondo do océano e, por iso, alí se oe ultimamente tanto "xa voooou".

- "Marea negra": fálanos dun feito que foi unha realidade que aconteceu en Galicia hai uns poucos anos. Trátase do naufraxio dun barco petroleiro que encheu o mar de alcatrán. Por iso, a vida das gaivotas e de moitos seres vivos está ameazada. Aquí, na ficción do conto, un grupo de animais dunha granxa da ribeira botáronse ao mar a socorrelas.

- "Barxilón no Mar do Latón": fala do pequecho Barxilón que vivía con moitos mexilóns. Era moi festeiro e por iso tiña problemas con Fungón xa que lle prohibía todo aquilo que lle gustaba facer. Un día pasou algo inesperado. Acompáñalo para saber que sucede?

Vémonos noutra entrega de novidades!

Un saudiño, 

Mouchán

jueves, 3 de noviembre de 2022

MOTIVACIÓN PDI 2022-2023: VISITA A CAMBADOS

Dentro do noso PDI "Mergúllate na ría" recordaredes que, como actividade de motivación, fixemos unha visita a Cambados para coñecer o porto, a lonxa, os oficios relacionados co mar... e estivemos mariscando!

No seguinte vídeo podedes ver unha escolma de fotos que inmortalizan ese día.



martes, 18 de octubre de 2022

RECANTO TERRORÍÍÍÍÍÍÍÍÍCO!!

Serás quen de achegarte ao noso recanto nesta ocasión??

Está ateigado de libros terroríficos para pasalo de medo.

Bota unha ollada. Verás coleccións e libros que de seguro che van encantar.

Ademais, tedes como novidade libros da colección dos "Minimortos" e de "Ana Kadabra".






viernes, 14 de octubre de 2022

A BIBLIOTECA XA ABRIU AS SÚAS PORTAS!

Xa está aberta a biblioteca! Previamente, foron seleccionados os axudantes tras entregar o seu currículum, pasar entrevistas individualizadas...

O primeiro día de biblioteca o celebramos con Mouchán saíndo ao patio cun montón de libros seleccionados para as diferentes idades. Pasamos unha fermosa xornada de sol lendo ao aire libre.

No seguinte vídeo podes ver as fotos destes días.

Agárdovos na biblio!

Un saudiño, 

Mouchán


martes, 20 de septiembre de 2022

CURSO 2022-2023

Benvidos a este novo curso!!

A biblioteca está a piques de abrir pero estamos preparando un montón de cousas.

En primeiro lugar, xa que este ano podemos ter de novo aos axudantes, estamos en proceso de selección.

Se queres formar parte do equipo de biblioteca non esquezas enviar o teu currículo.

Estamos agardándote!

Saudiños, 

Mouchán



viernes, 17 de junio de 2022

RECOMENDACIÓNS LECTORAS DE VERÁN

Ola nenos e nenas:

O curso xa está rematando. Comeza o verán e, con el, máis tempo de lecer que debemos ocupar de forma axeitada: xogando, indo á praia ou piscina, paseando á vez que respectamos a natureza... e, por suposto, acompañados de libros que nos fagan rir, pasar medo, imaxinar... divertirnos!!!

Se premes neste gatiño tan simpático, verás as recomendacións lectoras para este verán 2022. Preme en cada libro para saber algo máis sobre cada un e escoller os que máis che gusten.

Bo verán.

Un saudiño,

Mouchán



miércoles, 25 de mayo de 2022

LETRAS GALEGAS 2022

Este ano homenaxeamos a Florencio Delgado organizando un recital poético. Aquí podedes escoitar algúns dos seus versos.


Desde as clases deuse a coñecer a súa figura e a súa obra con diferentes materiais adaptados a cada idade. No cole, Florencio está presente nos nosos corredores e, como non podía ser doutro xeito, o recanto da nosa biblioteca está dedicado a el xunto con libros en galego doutros autores.



martes, 24 de mayo de 2022

viernes, 20 de mayo de 2022

PDI 4º DE EDUCACIÓN PRIMARIA

En 4º de Educación Primaria estivemos investigando sobre os efectos que teñen na nosa saúde o emprego das pantallas e dispositivos electrónicos como poden ser o teléfono móbil, a tablet, a televisión, as videoconsolas...

En primeiro lugar, pensamos na nosa rutina e cada cativo anotou todo o que realiza ao longo do día durante unha semana normal da súa vida. Despois, sacamos conclusións sobre os nosos hábitos e a importancia do descanso, a alimentación, as actividades que realizamos no noso tempo de lecer, axudar na casa, pensamos alternativas ao emprego de pantallas...

En segundo lugar, buscamos información sobre os efectos das pantallas na nosa saúde. Traballamos en gran grupo e en pequenos grupos clasificando efectos en varias categorías: "o noso corpo", "saúde mental", "capacidades e escola" e "vida diaria".

Paralelamente, tentamos realizar un challenge na casa durante unha semana co reto de evitar pantallas polo menos durante as comidas en familia. Non sempre foi doado polas rutinas, hábitos e gustos dos membros das familia. Non é doado, pero algún cativo apreciou diferenzas cando non había pantallas.

En terceiro lugar, con todo o investigado e as nosas conclusións elaboramos o produto final. Este consistiu no deseño de tres programas de radio, un por cada grupo de traballo. Deseñamos casos cunha problemática diferente, identificamos que posibles efectos poderían ter na saúde e, grazas á intervención dos "nosos expertos" aportamos consellos saudables.

O nome que escollemos para o noso programa de radio é "Saúda á saúde". A continuación, coas ligazóns, podedes escoitar os tres capítulos deste programa que gravamos en Radio Chans con moita ilusión. 

Agardamos que vos gusten e que, se o precisades, poñades en práctica os nosos consellos.

PROGRAMA 1:

Saúda á saúde-Ismael, Lucía, Breixo e Eloy


PROGRAMA 2:

Saúda á saúde-Nico, Sara e Roi


PROGRAMA 3: 

Saúda á saúde-Laura, Marta, Saúl e Camilo



miércoles, 18 de mayo de 2022

PROXECTO DE 3º DE EDUCACIÓN PRIMARIA

Presentamos o proxecto que fixo o alumnado de 3º sobre a saúde.

A OMS define a saúde como “o estado completo de benestar físico, mental e social dunha persoa e non só a ausencia de enfermidade”. A OMS considera que o goce do grao máximo de saúde que se poida lograr é un dos dereitos fundamentais de todo o ser humano.

Traballamos sobre hábitos saudables, receitas saudables e saúde emocional. Os produtos finais verédelos a continuación. Están colgados polo cole para que os vexades mellor.


HÁBITOS SAUDABLES:

Para ter boa saúde debemos seguir unhas normas que nos axudan a sentirnos mellor e a previr enfermidades. Se as seguimos ben, enfermaremos menos veces.

O alumnado de 3º traballamos 10 hábitos saudables que recollemos nun mural para que a comunidade educativa os teña presentes e os poña en práctica cada día.



RECEITAS SAUDABLES:

Dentro dos hábitos saudables, profundizamos máis na importancia dunha dieta equilibrada, traballando menús e receitas saudables.

Tendo en conta que unha dieta variada é a que contén unha cantidade adecuada de proteínas, hidratos de carbono, graxas, vitaminas, minerais e auga, fixemos unha recompilación de receitas que recollemos no libro titulado “Receitas saudables”.


SAÚDE EMOCIONAL: 

A saúde emocional é a capacidade de controlar e xestionar as nosas emocións, sentimentos e comportamentos. Trátase do estado de ánimo da persoa, moi importante nun momento de pandemia coma o que estamos a vivir.

Para mellorar a saúde emocional, gravamos podcasts en Radio Chans e vídeos, recitando poemas de Florencio M Delgado Gurriarán, escritor homenaxeado este ano no día das Letras Galegas. Ademáis promovemos a imaxinación artística ilustrando os seus poemas. Podedes escoitalos na plataforma ivoox que xa coñecedes de escoitar outros programas.

https://go.ivoox.com/rf/87224445



viernes, 13 de mayo de 2022

NOVIDADES EMOCIONANTES

Porque todos debemos saber o que sentimos, entender as nosas emocións, non ter medo delas... chegan estes seis libros para axudar a todos desde ben pequenos.

Achégate á biblioteca. Podes lelos individualmente, coa profe, con papá, con mamá, con outro familiar, con amigos... e despois comentar as vosas impresións, poñer exemplos co que vos pasa no día a día...


 

viernes, 29 de abril de 2022

DÍA DO LIBRO 2022

Recuperando actividades que se tiveron que interromper como consecuencia das restricións, retomamos a dos padriños e madriñas lectoras que tanto nos gusta e coa que tanto desfruta a cativada.

Así, celebramos o Día do libro neste ano 2022.







RECANTO DE PRIMAVERA

Cantos libriños de primavera hai no noso recanto! Para todas as idades e de temáticas variadas: natureza, música, manualidades, xogos e deportes...



miércoles, 27 de abril de 2022

PDI 1º EDUCACIÓN PRIMARIA: O AZUCRE NA ALIMENTACIÓN

 O alumnado de 1º traballamos durante todo este curso o Proxecto: “O azucre na alimentación”. Investigamos moitas cousas sobre o azucre como: que é o azucre libre?; que cantidade de azucre se debe consumir ao día?; e  por que é prexudicial consumir demasiado azucre?

Agrupamos os alimentos en 6 grupos:

- Un grupo de bebidas, refrescos e zumes.

- Un grupo de galletas e cereais.

- Un grupo de leite e iogures.

- Un grupo de chocolates e cacaos.

- Un grupo de bollería e doces.

- E por ultimo un grupo de salsas e infusións.

Logo seleccionamos varios alimentos de cada grupo e calculamos a cantidade de azucre en gramos que tiñan eses alimentos. Con toda esta información fixemos uns murais  para facer una exposición de todo o traballado. O obxectivo é concienciar a todo o alumnado do centro de que moitos alimentos que consumimos diariamente teñen moitísimo azucre e que consumir demasiado azucre pode ter consecuencias moi prexudiciais para a nosa saúde.


Ademais, o alumnado de 1º fixo un podcast na radio que podedes escoitar na seguinte ligazón:

https://go.ivoox.com/rf/86045299


viernes, 8 de abril de 2022

NOVO XOGO PARA O PDI

Chegou un novo proxecto final do PDI "A saúde". Esta vez vén da man do alumnado de 5º de primaria en forma do famoso xogo "Pasapalabra". Como ben sabedes, hai que adiviñar a palabra á que se refire cada definición sempre tendo en conta a letra pola que debe comezar.

A que agardas? Tes no caixonciño da esquerda o papel co teu propio rosco e as definicións. Xoga, anota as palabras e colorea os acertos ou, no seu caso, os erros de verde e vermello, respectivamente. Serás quen de completar o rosco? A ver cantas palabras identificas relacionadas coa saúde!






martes, 5 de abril de 2022

PDI "A saúde" de Educación Infantil

Comezan a chegar os primeiros produtos finais do Proxecto Documental Integrado deste curso 2021-2022 coa temática da saúde.

Nesta ocasión tócalle á etapa de Educación Infantil. Así nos contan eles o seu traballo que xa está á vosa dispocición para ver e ler na biblioteca.


"En Educación Infantil durante o 1º e 2º trimestre estivemos traballando no Proxecto Documental Integrado “A saúde” proposto pola biblioteca do centro. O obxectivo que perseguimos con este proxecto era progresar na adquisición de hábitos e actitudes relacionados co fortalecemento da saúde. Deste xeito centramos o noso traballo no leite e nos beneficios que ten para nós. Con toda a información obtida elaboramos un dossier e un vídeo no que explicamos o ciclo do leite, produtos derivados do leite, receitas de cociña que teñen como base o leite… Ademais, tamén fixemos unha pequena campaña publicitaria a favor do seu consumo. Este foi o produto final que elaboramos para que os compañeiros/as o poidan ver na biblioteca accedendo ao vídeo mediante un código QR". 






NOVIDADES

Estes novos libros xa están á túa disposición cando volvas vir á biblioteca. Desde os máis cativos ata os maiores aquí tedes a vosa vindeira lectura.

Un saudiño, 

Mouchán






miércoles, 23 de marzo de 2022

LIBROS PARA INFANTIL E PRIMARIA

Nestas novas adquisicións da biblioteca contamos con libros para os máis cativos pero tamén para os maiores do cole. Hai temáticas diferentes: cousas da vida, arte, aventuras, ciencia... Preme na imaxe de abaixo para saber máis de cada un.

A que agardas para vir a visitar a Mouchán?

Ata pronto e apertiñas virtuais



viernes, 18 de marzo de 2022

LIBROS PARA OS MAIORES DO COLE

Continuando coa colección de libros de Susaeta, hoxe presentamos outros exemplares para os maiores. Trátase dalgúns clásicos de éxito da literatura e algún outro de tipo histórico cos que seguro ides pasar moi bos ratos.

Fai clic na seguinte imaxe e en cada un dos libros para ter máis información e escoller cal vas levar o vindeiro día que veñas á biblioteca.



martes, 15 de marzo de 2022

NOVOS LIBROS PARA OS PRIMEIROS LECTORES

Para os nosos primeiros lectores e lectoras presentamos unha colección coa que descubrir un montón de curiosidades sobre os animais, as plantas e o corpo humano.

Para ver a información de cada libro, fai clic na imaxe de abaixo e levarache a unha presentación.




martes, 8 de marzo de 2022

8 de marzo: DÍA DA MULLER

Desde hai uns días está preparado o noso recanto temático sobre o Día da muller con lecturas recomendadas. 




NOVIDADES DE BANDA DESEÑADA

 Aquí está a colección "Magos del humor" para ler e rir con estes personaxes tan singulares aos que lle acontecen cousas estravagantes.



martes, 22 de febrero de 2022

FELIZ DÍA DE ROSALÍA!!!

Hoxe conmemoramos o día do nacemento de Rosalía de Castro. Un 23 de febreiro de 1837 nacía en Santiago de Compostela unha das escritoras máis importantes da literatura española do século XIX. Ata o seu falecemento en Padrón en 1885, durante 48 anos a súa vida estivo cargada de moitos momentos complicados que nos deixaron obras cheas de sentimento, de amor por Galicia, polo rural e pola nosa lingua.


Nunha sociedade e nun momento histórico que non favorecía nin ao galego nin ás mulleres, na figura de Rosalía vemos que ela foi unha adiantada ao seu tempo, foi quen de romper con iso e outorgarlle á nosa lingua o prestixio do que non gozaba e reivindicar o seu uso.

No cole, traballamos a súa figura e a súa traxectoria con materiais adaptados á idade de cada nivel educativo. Tamén fixemos un acróstico con palabras galegas que nos gustaron para poñelas en valor.

A continuación, deixamos a interpretación musical que o alumnado de 6º preparou na clase de educación musical do seu coñecido poema "Adiós ríos, adiós fontes". 






viernes, 18 de febrero de 2022

NOVIDADES

Temos esta semana libros novos para todos os gustos e todas as idades. 

Para os cativos que queren coñecer a Frida, para os que queren continuar coas aventuras que nos conta Greg no seu "diario", para os que lles gusta facer experimentos, para os superheroes e superheroínas que queren salvar o noso planeta, para os que estean dispostos a facer o crebacabezas máis grande do mundo e para os que cren que son pequeniños e queren descubrir a súa grandeza.



martes, 15 de febrero de 2022

RECANTO DE ENTROIDO

Aínda non tes a túa indumentaria para o entroido?

Pois corre á biblioteca, revisa o recanto que está ao carón do sofá e verás libros para elaborar o teu disfrace, a túa máscara, coller ideas ou, simplemente, ambientarte nesta festa.




lunes, 31 de enero de 2022

DÍA DA PAZ 2022

O día 30 de xaneiro como tódolos anos conmemoramos o Día Internacional da Paz e Non Violencia.

En todo o cole se estivo traballando a temática a través de diferentes actividades: un mural colaborativo no que participaron todos os niveis educativos, cartas, actividades de aula... e, por suposto, a nosa biblioteca contou co seu recanto con libros para abordar dita temática.