BENVIDOS!!!
miércoles, 13 de noviembre de 2024
OBRADOIRO DE BANDA DESEÑADA EN VILANOVA DE AROUSA
Pasamos un fantástico e terrorífico día de Samaín. Houbo cabazas, disfraces, túnel do terror, familias valentes dispostas a pasar medo, diplomas, pemios aos relatos de medo...
Aquí podedes ver un vídeo con algúns momentos.
viernes, 8 de noviembre de 2024
A AULA DOS GATIÑOS EN RADIOCHANS
Os nenos e nenas de 4º e 5º de Educación Infantil (os nosos gatiños do cole) están en Radiochans. Con eles, neste programa aprenderemos a canción dos días da semana.
Preme no seguinte enlace para escoitalos.
lunes, 4 de noviembre de 2024
TÍTERES CACHIRULO
O pasado 29 de outubro tivemos unha actividade moi especial no cole. A compañía Títeres Cachirulo visitounos e puidemos ver un dos seus espectáculos con fermosos decorados e unha morea de animais.
Moitas grazas por facernos pasar un rato tan agradable.
lunes, 28 de octubre de 2024
Presentación PDI 2024-2025
Logo de dous cursos estudando as marabillas da nosa ría, toca cambiar de proxecto.
O novo PDI leva por título “Mouchiños e mouchiñas polo mundo”. Este ano quedaremos no noso continente para, no vindeiro, estudar os demáis.
Como actividade de motivación, o alumnado de educación infantil e 1º participamos nun almorzo no noso “restaurante” con pratos típicos de diferentes países europeos e tivemos dúas actividades de contacontos en inglés (con Lucas, o auxiliar de conversa) e portugués (coa mamá da nosa compañeira Sara).
Por outra banda, de 2º a 6º visitamos o aeroporto “Rosalía De Castro” de Santiago de Compostela como lugar de saída e chegada de personas de diferentes países. Coñecimos as diferentes partes, os pasos a seguir antes e despois de facer uso deste medio de transporte e como se supervisa todo desde a torre de control.
Foron todas actividades moi fermosas que nos cargaron de enerxía para poñernos mans á obra co novo proxecto.
viernes, 25 de octubre de 2024
MOCHILAS VIAXEIRAS
miércoles, 23 de octubre de 2024
RECANTO SAMAÍN
A nosa biblioteca xa ten recanto de samaín cheo de libros terroríficos que podedes coller para pasar mooooooooooiiitttoooo medo!
martes, 8 de octubre de 2024
APERTURA DA BIBLIOTECA
Desde o comezo de curso na biblioteca houbo moito traballo para poder poñer en marcha o novo curso. Algunhas das tarefas foron: a selección de novos axudantes, a formación de usuarios, a visita de Mouchán cunha mostra de libros ao patio e a firma de contratos.
As portas xa están abertas!
Agardámosvos.
Un saudiño,
Mouchán
lunes, 17 de junio de 2024
RECOMENDACIÓNS LECTORAS PARA O VERÁN
Ola mouchiños e mouchiñas.
Quedan poucos días para rematar outro curso. Chega o verán e as vosas desexadas vacacións.
Agardo que desfrutedes moitísimo para volver a vernos en setembro coas pilas ben cargadas.
Recoméndovos que xoguedes, paseedes, montedes en bicicleta, bailedes nas festas, vaiades á praia ou á piscina... pero tamén que saquedes un anaco de tempo cada día para ler.
Aquí vos deixo as miñas recomendacións!
Facede clic na imaxe para que se vos abra unha presentación. Logo premede en cada libro para saber máis del e empregade as frechas vermellas para voltar, sempre que o desexedes, ao índice.
Bo verán!
Un saudiño,
Muchán
lunes, 27 de mayo de 2024
EXPOSICIÓNS PDI 2024
Unha vez rematadas as exposicións dos proxectos realizados dentro do PDI "Mergúllate na ría" deixamos unha escolma de fotografías das mesmas.
O alumando de Educación Infantil contounos as apaixoantes lendas que circulan sobre as illas da nosa ría; 1º de Educación Primaria, convertidos en cociñeiros, amosounos receitas que estamos desexando probar; 2º, como expertos, ensináronnos a diferenciar os nosos peixes; con 3º fomos de turismo polos concellos da ría de Arousa; 4º, vestidos cunha indumentaria que nos traslada a outra época, convidounos a un espectáculo de cancións e danzas mariñeiras; 5º transportounos por mar explicándonos as diferentes embarcacións tradicionais; e, para finalizar, 6º levounos de festa en festa describindo as tradicións de cada unha para que non perdamos detalle.
Parabéns a todo o alumnado do cole por traballar tan arreo!
viernes, 24 de mayo de 2024
LETRAS GALEGAS 2024
O 16 de maio celebramos o Día das Letras Galegas cunha actividade que resultou ser moi motivadora para todo o alumnado. Este ano a homenaxeada foi Luisa Villalta.
Dita actividade consistíu en descubrir mediante a lectura de códigos QR a biografía de Luísa Villalta. Establecéronse dous roteiros: amarelo para a vida e azul para a obra. O alumnado, dividido en equipos, debía seguir o roteiro correspondente e, unha vez lido o código, tiñan que apuntar a información nun caderno. Unha vez recollida toda a información cada equipo escolleu a un portavoz para facer unha pequena posta en común.
Roteiro amarelo: vida de Luísa Villalta
martes, 23 de abril de 2024
DÍA DO LIBRO 2024
O 23 de abril sempre é unha data especial para a nosa biblioteca. Como sabedes celébrase o Día do Libro. Este ano, nos días previos tivemos a exposición "Lectolembranzas" polos nosos corredores. A máis de un nos trouxo recordos ao ver traballos realizados nos cadernos das mochilas viaxeiras de hai anos, cando eramos aínda uns cativiños. No seguinte vídeo podedes ver algunhas destas creacións.
E xa no propio día 23 gozamos dunha hora de ler ao aire libre, na natureza, compartindo momentos entre padriños e afillados.
miércoles, 10 de abril de 2024
INFANTIL, 1º E 2º EN RADIOCHANS
Nesta entrada de hoxe temos novos programas de radio dos mouchiños pequenos do cole. Atoparedes temáticas diversas para aprender e pasar un rato moi agradable.
A continuación premede en cada un dos cursos.
6º de Educación Infantil: Conto.
Os nenos/as de 6º de Educación Infantil cóntannos un conto.
6º de Educación Infantil: sendeiros poéticos
O alumnado de 6º de Infantil recítanos un poema sobre a primavera.
1º de Educación Primaria: Falamos do día da Muller.
Para conmemorar o 8 de marzo "Día da Muller" o alumnado de 1º de primaria fala de 6 mulleres importantes na historia.
2º de Educación Primaria: Entrevista a unha mariscadora.
Andrea é unha mariscadora moi coñecida e querida polo alumnado de 2º de E.P, especialmente por Manuel, xa que é a súa nai.
martes, 2 de abril de 2024
DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL
O 2 de abril celébrase o Día Internacional do libro Infantil e Xuvenil. Estableceuse este día para chamar a atención sobre o importantes que son os libros para os nosos cativos, para reivindicar como a literatura pode axudarnos a potenciar a imaxinación, a empatía, a creatividade e a linguaxe, algo interesante a calquera idade pero, sobre todo, nos primeiros anos.
Supoño que te preguntarás por que se escolleu este día.
Nesta data celebramos o nacemento de Hans Christian Andersen, un dos escritores de contos máis famoso da literatura internacional e porque, grazas a el, chegáronnos personaxes tan famosos como Polgariño, a Sireniña, O soldadiño de chumbo, A Rañiña das Neves ou O Parrulo Feo, entre outros moitos.
Por iso, o noso recanto está ateigado de grandes obras da literatura (del e doutros escritores) para que vos animedes a coñecelas ou volver a desfrutalas.
lunes, 18 de marzo de 2024
NOVIDADES
Nesta ocasión os encargados de comunicarnos as novidades son Pepe Lois Acha e David Godoy Pesqueira de 5º xunto con Elisa Paz Álvarez de 6º. Estes voluntarios da biblioteca elaboraron o stopmotion que veredes a continuación para presentarnos:
- "O país da choiva".
- "Plus Ultra. Transición ao futuro".
- "Dona Problemas".
- "Os Megatoxos e a batalla de Rande".
- "Os Megatoxos e o dragón de Xade".
Parabéns por este traballo. Foi unha marabilla velos traballar durante o proceso e agora desfrutar co resultado.
miércoles, 13 de marzo de 2024
6º de EDUCACIÓN PRIMARIA EN RADIOCHANS.
O alumnado de 6º recentemente estivo nas ondas.
viernes, 8 de marzo de 2024
RECANTO 8M
O 8 de marzo, como ben sabedes, celebramos o Día Internacional da Muller.
No noso recanto tedes libros que vos recordarán que se pode voar alto, que somos especiais, que podemos chegar a onde pretendamos, que non teñades medo por xogar a unhas ou outras cousas cando é o que desexades.
Tamén temos outros libros que nos contan a historia de mulleres da nosa contorna, outras de preto e outras de lonxe que teñen algo en común: alí onde estaban, loitaron polo que creron corecto, por cambiar a realidade do momento e que, en moitos casos, conseguiron que o noso presente fose distinto. En definitiva, erguéronse ante as dificultades! O noso recordo e homenaxe a todas elas.
Na nosa vida, na nosa familia... seguro que temos mulleres especiais que recordamos o día de hoxe.
En cada aula traballouse desde diferentes enfoques adaptando a temática á idade do alumnado. Froito desas reflexións, creáronse uns murais fermosísimos agora expostos na sala multitusos do noso cole.
domingo, 25 de febrero de 2024
NOVIDADES
Dentro vídeo!
domingo, 18 de febrero de 2024
FORMACIÓN DE RADIO
O alumnado de 3º e 4º de Educación Primaria realizou un obradoiro de formación para a radio que foi impartido por Soledad Felloza. Podedes coñecela mellor a través da súa páxina web.
Nesta ocasión, partimos de traballar a postura, a respiración, o control e a dosificación do aire para unha boa calidade de son, o quecemento previo a unha actividade oral como pode ser a radio, a importancia de coidar o noso instrumento...
A continuación, escollemos libros para contar. Traballamos individualmente con eles para coñecelos mellor, vimos dificultades en cada un a ter en conta á hora de contar e criterios para seleccionalos.
Finalmente, unha parte importante foi a de modular a nosa voz para ambientar mellor a historia: diferentes voces segundo os tipos de personaxes, as súas emocións, a importancia das pausas e os silencios e efectos de son, entre outros recursos.
Estamos moi agradecidos a Sole por esta xornada. Aprendemos moito á vez que o pasamos xenial! Ademais, sabemos que isto o podemos aplicar na radio pero tamén en moitos outros ámbitos.
miércoles, 7 de febrero de 2024
ENCONTROS NAS CHANS
O alumnado de 4º de Educación Primaria comparte estes dous programas de RADIOCHANS da sección "Encontros nas Chans". Ambos abordan o tema do mar desde mundos, lugares e traballos moi diferentes á par que interesantes. Trátase da vida nas plataformas en alta mar e na pesca de baixura. Teñen en común a dureza dos traballos, os sacrificios, as dificultades... pero tamén a importancia que teñen para a nosa vida.
Estamos moi agradecidos a Fernando, pai de Eric, e a Robusto, avó de Flavia, por contarnos a súa experiencia e por facernos pasar uns intres tan fermosos. Aínda que é moi complicado poñerse na pel dos contratempos que xorden no mar, escoitar estes programas debe facernos reflexionar sobre a importancia destes oficios.
Estade atentos porque haberá máis "Encontros nas Chans".
Polo momento, deixámosvos con Robusto, Fernando e os locutores de 4º.
- Entrevista a Fernando. Locutores: Eric Estévez Mariño, Mario Fernández Díaz e Dana Varela Ruiz.
- Entrevista a Robusto. Locutores: Flavia Fernández Bravo, Carolina Maquieira Pérez e Lois Amoedo Fandiño.
RECANTO DE ENTROIDO
Ola mouchiños e mouchiñas!
No vídeo vedes os libros que podedes atopar no recanto que xa temos preparado para que sintades aínda máis o entroido. Que aínda che queda algún detalle para o disfraz? Pois non agardes máis! Corre a ver se sacas algunha idea.
miércoles, 24 de enero de 2024
NOVIDADES
Atentos á zona de novidades da biblioteca. Alí tedes colocados os libros que saen neste vídeo:
- "Perro verde. Rimas y leyendas urbanas".
- "Diminuto cumpleaños. Un tricuento medieval".
- "Harry Potter and de cursed child".
- "Nerea. A invasión dos trastos".
- "Historia de la música para niños".
- "Laberintos gigantescos".
ESTANVOS AGARDANDO!!!
miércoles, 10 de enero de 2024
CHEGARON OS REIS MAGOS
Feliz ano mouchiños e mouchiñas!
Agardo que tivérades unhas vacacións estupendas, que lerades moito e que comecedes este trimestre con moita enerxía.
Vistes que pasaron os Reis Magos polas aulas deixando uns agasallos que lles pedín na carta para cada clase. No seguinte vídeo tedes as fotos para que vos acordedes dese bonito momento que compartistes nas aulas. Espero que desfrutedes con eles!