O equipo da biblioteca do CEIP San Bartolomeu da a benvida a toda a comunidade educativa (alumnado, familias, profesorado...) que queiran participar neste blogue, aportando comentarios, suxerencias, peticións ... . Animádevos!!!
Aquí atoparedes lecturas recomendadas, enlaces a outros blogues , actividades que estamos a levar a cabo e todo aquilo que se nos vaia ocorrendo.
Aquí temos o recanto de Nadal un pouco diferente ao doutros anos.
Este curso, en lugar de poñer aquí libros sobre esta época do ano, temos unha escolma de manualidades feitas polos nenos e nenas. Sabemos que temos na biblioteca moitos libros sobre manualidades e, precisamente neses, están baseadas estas creacións.
Temos máis libros na biblioteca. Aquí vos presentamos unha colección de clásicos e uns libros interesantísimos para coñecer a prehistoria e descubrir a orixe dalgunhas cousas.
Queres saber de onde veñen algúns dos alimentos que temos na casa? Nesta colección coñecerás a orixe do arroz, o aceite, o chocolate, o pan, o mel, o ovo, o leite e a auga.
Trátase dunha colección de contos con cancións, rimas e pezas teatrais que explican a través de divertidas clases e excursións coa mestra Teresa a elaboración destes alimentos.
En relación coa celebración do samaín, realizouse un concurso de relatos de medo. Foi unha actividade organizada en colaboración entre varios equipos: biblioteca, extraescolares e normalización lingüística.
O pasado mércores día 4, ao finalizar a celebración do magosto entregáronse os premios aos gañadores. Concretamente, houbo tres premios en cada ciclo da etapa de educación primaria.
Dámoslle os parabéns a todos aqueles nenos e nenas que participaron.
A continuación tedes os gañadores e gañadoras:
1º ciclo:
1º premio: Mencía (2º curso) - "A aventura do tataravó Xosé".
2º premio: Xulia (1º curso) - "A tumba do vampiro".
3º premio: Diego (2º curso) - "Terror na casa".
2º ciclo:
1º premio: Adrián (4º curso) - "O pesadelo de Xan".
2º premio: Carla (4º curso) - "A lenda de samaín".
3º premio: Lucía (3º curso) - "As tres bruxas".
3º ciclo:
1º premio: Lucía (5º curso) - "O boneco diabólico".
2º premio: Miguel (6º curso) - "Os cabaleiros errantes".
3º premio: Celia (6º curso) - "A pantasma da fábrica".
O noso cole gañou o premio no II Concurso de Podcasts- Radio na Biblio cun podcast creado con motivo da visita do escritor Antonio García Teijeiro. Fíxose un traballo previo importante a ese día desde as diferentes áreas para coñecer, por unha banda, a este autor, a súa obra... e, pola outra, a elaboración dun programa de radio dentro do noso proxecto relacionado cos medios de comunicación.
Nesta ocasión, os encargados de entrevistar na nosa radio a Antonio García Teijeiro foron Saúl, Breixo e Lucía. Dámoslles a noraboa a todos.
Podes volver a escoitar o podcast no seguinte enlace da nosa canle de Ivoox.
Con motivo da celebración do Día das Bibliotecas o pasado sábado 24 de outubro, entregamos xa en cada aula a correspondente mochila viaxeira.
Este ano, como novidade, non teremos só unha mochila por aula, senón que serán dúas! Deste xeito, ao devolver a mochila "A", a seguinte que viaxará será a mochila "B" para que permaneza o suficiente tempo para a súa cuarentena e desinfección para garantir a seguridade de todos.
Esperamos que desfrutedes dos libros que nelas van.
Dámosvos a benvida a este novo curso tan diferente Como non podía ser doutro xeito, a biblioteca abre de novo as súas portas pero con algunhas modificacións.
Polo de agora, recordade esta data: luns 19 de outubro. Este día xa estará aberta.
Mentres, estes días, cando pasedes por diante, botádelle unha ollada ás novas normas da biblioteca que veredes na entrada. Tamén tedes que poñer atención ao horario no que podedes entrar segundo o curso no que estades.
Veredes que axiña estaremos adaptados a esta "nova normalidade" da biblioteca de Mouchán.
Deste xeito, poderemos seguir desfrutando da lectura con todo o que temos na nosa biblioteca dunha forma segura. Pero ollo! Estade sempre atentos ás novidades que irán saíndo e que xa vos adianto que son moitas.
No seguinte vídeo Mouchán explícavos con máis detalle cousiñas deste curso.
Desde a biblioteca desexámosvos un moi bo verán e unhas felices vacacións. Poderedes descansar e desfrutar do voso tempo de lecer despois do traballo que fixestes ao longo destes meses.
Como non podía ser doutro xeito, Mouchán recoméndavos unhas lecturas que considera moi interesantes, entretidas e divertidas.
Este ano o noso cole participou no proxecto do Faro de Vigo chamado "Faro da Escola". Preténdese con el achegar o mundo xornalístico aos máis cativos formando lectores con pensamento crítico á vez que se traballa a expresión escrita.
No marco do proxecto documental integrado que traballamos este ano que levaba por título "Os medios de comunicación: Radiochans" o alumnado investigou sobre diferentes medios, visitou as dependencias dun xornal e dunha radio local, recibiu formación sobre a elaboración de noticias e o coidado da fotografía nas mesmas da man de profesionais do Faro de Vigo, entre outras actividades.
O proxecto "Faro da escola" tiña inicialmente o propósito de que o cole publicase un xornal coas novas elaboradas desde os diferentes niveis tanto de educación infantil como de primaria. Como todos sabemos, este curso foi moi diferente pola situación que nos tocou vivir e, este proxecto, non foi unha excepción, de xeito que a súa extensión tivo que verse reducida. Por suposto non se cancelou e mañá venres, día 19 de xuño, o Faro de Vigo vai adicado ás novas dos diferentes coles. Nel contaranse algunhas novas que tiveron lugar no noso centro e noutros.
Hoxe, xoves 18, todos os coles participantes recibimos un bonito recordo desta iniciativa nun acto celebrado en Vigo.
Este proxecto dos alumnos de 6º leva por título: “O peliculón: a miña película de animación favorita”. Nel trataron de combinar diferentes medios de comunicación: radio, televisión e cine. Ía ser presentado no colexio, mediante unha gala cinematográfica, pero a pandemia e o posterior confinamento provocaron a imposibilidade de realizalo deste xeito e ter que adaptalo á nova situación. A pesar dalgunhas limitacións técnicas que tivemos, esperamos que vos guste.
Pechan esta sección as mestras de liguas estranxeiras: Vanessa (francés) e a auxiliar de conversa, Alicia (inglés) con dous contos infantís ben coñecidos por todos. Prestade especial atención!
Esperamos que os desfrutedes.
Grazas ao profesorado participante nesta actividade, que puxeron toda a súa arte e agarimo para vós.
Grazas a todos os que participastes no concurso de videocontos e parabéns, porque desfrutamos moito coas vosas creacións.
Todos e cada un de vós merecedes o premio e por iso todos ides recibir un agasallo de Mouchán. Pero como isto era un concurso onde hai que elixir a uns gañadores, valoramos orixinalidade, elaboración, posta en escena, interpretación...
Deste xeito, quedamos cun gañador por categoría en cada un dos ciclos.
- 2º ciclo: Lucía Varela (4º). Conto: “Blancanieves y los siete enanitos”.
- 3º ciclo: Eloy Bravo (6º). Conto: “ El monstruo de colores”.
Gañadores na categoría VIDEOCONTOS EN GALEGO:
- Educación infantil: Lucía Iglesias. Conto "O polo Pepe".
- 1º ciclo: Saul Moldes. Conto: "Filipo e Leo".
- 2º ciclo: Rita Rodríguez. Conto: "O señor Ramón e a señora Ramona".
- 3º ciclo: Celia Amoedo. Conto: "A cola de dragón".
Gañadores na categoría VIDEOCONTOS EN PARELLA:
- 1º ciclo: Pepe e Mencía. Conto: "Los tres cerditos".
- 2º ciclo: Estela e Manuel. Conto: "Os pitiños".
- 3º ciclo: Carla e Nico. Conto: Quen vén esta noite?
Parabéns a tod@s, nenos, nenas e familias colaboradoras!
Como non poderá haber entrega de premios presencial e non queremos esperar a setembro, cada un levará o seu agasallo cando veña recoller o material ao colexio.
O resto dos videocontos podédelos ver no seguinte enlace: