BENVIDOS!!!

O equipo da biblioteca do CEIP San Bartolomeu da a benvida a toda a comunidade educativa (alumnado, familias, profesorado...) que queiran participar neste blogue, aportando comentarios, suxerencias, peticións ... . Animádevos!!!
Aquí atoparedes lecturas recomendadas, enlaces a outros blogues , actividades que estamos a levar a cabo e todo aquilo que se nos vaia ocorrendo.

jueves, 19 de enero de 2023

martes, 17 de enero de 2023

RECANTO DO DÍA DA PAZ

O noso recanto xa ten unhas lecturas moi recomendables sobre a conmemoración que teremos dentro duns días: o Día Escolar da Non Violencia e a Paz.

Podedes ir desfrutando delas.



miércoles, 21 de diciembre de 2022

RECOMENDACIÓNS LECTORAS NADAL 2022

Ola nenos, nenas, familias...!!!

Este trimestre está chegando á súa fin e xa estamos máis preto das agardadas festas do Nadal.

Nesta época, teremos tempo para desfrutar moito máis: xogando, pintando, bailando, cantando... e, por suposto, una das mellores formas de pasalo ben é cun libro nas nosas mans co que aprender, rir, viaxar, imaxinar...

No seguinte vídeo vos deixo unhas recomendacións lectoras por se queredes sacar algunha ideíña para ler ou para engadir ás vosas cartas de desexos para o Nadal.

Agardo que pasedes unhas moi felices festas!

Vémonos á volta con máis lecturas e máis xogos!

Un saudiño, 

Mouchán



jueves, 17 de noviembre de 2022

NOVO RECANTO

Nesta ocasión o noso recanto está dedicado ao mar.

Vén para aprender cousas da nosa ría. Hai tanto que non sabemos da nosa contorna...

Mira o seguinte vídeo.



jueves, 10 de noviembre de 2022

MÁIS LECTURAS!

Nesta ocasión traemos tamén unhas novidades moi interesantes.


Para aquel alumnado que é moi curioso, lle encanta aprender cousas novas e se fai moitas preguntas son marabillosos os libros "Una palabra para cada día" da colección Los Superpreguntones e "365 datos curiosos". Os que xa coñecen a colección dos Minimortos ou para os que se queren iniciar nela, tedes a nova aventura titulada "Ai, que risa". Os aventureiros aos que lles gusta a intriga podedes facer o empréstito de "Las aventuras de Billie B. Brown en busca del tesoro". Por último, aqueles cativos que desexen disfrutar cunha fermosísima historia podedes ler "O ladrón de paraugas".

martes, 8 de noviembre de 2022

NOVIDADES MARIÑEIRAS

Ola mouchiños e mouchiñas.

Temos catro libros novos na nosa biblioteca que están moi relacionados co noso proxecto da ría posto que falan do mar.


- "O libro da illa de Ons": Mario e Sariña faranse amigos na Illa de Ons. Era a illa que Sariña ollaba desde a súa casa e que sempre quiso coñecer. Perdeu o medo ao barco e alá foi vivir aventuras.

- "Xa voooou": cóntanos a historia de Suit, un peixiño distraído que vive no fondo do océano e, por iso, alí se oe ultimamente tanto "xa voooou".

- "Marea negra": fálanos dun feito que foi unha realidade que aconteceu en Galicia hai uns poucos anos. Trátase do naufraxio dun barco petroleiro que encheu o mar de alcatrán. Por iso, a vida das gaivotas e de moitos seres vivos está ameazada. Aquí, na ficción do conto, un grupo de animais dunha granxa da ribeira botáronse ao mar a socorrelas.

- "Barxilón no Mar do Latón": fala do pequecho Barxilón que vivía con moitos mexilóns. Era moi festeiro e por iso tiña problemas con Fungón xa que lle prohibía todo aquilo que lle gustaba facer. Un día pasou algo inesperado. Acompáñalo para saber que sucede?

Vémonos noutra entrega de novidades!

Un saudiño, 

Mouchán

jueves, 3 de noviembre de 2022

MOTIVACIÓN PDI 2022-2023: VISITA A CAMBADOS

Dentro do noso PDI "Mergúllate na ría" recordaredes que, como actividade de motivación, fixemos unha visita a Cambados para coñecer o porto, a lonxa, os oficios relacionados co mar... e estivemos mariscando!

No seguinte vídeo podedes ver unha escolma de fotos que inmortalizan ese día.



martes, 18 de octubre de 2022

RECANTO TERRORÍÍÍÍÍÍÍÍÍCO!!

Serás quen de achegarte ao noso recanto nesta ocasión??

Está ateigado de libros terroríficos para pasalo de medo.

Bota unha ollada. Verás coleccións e libros que de seguro che van encantar.

Ademais, tedes como novidade libros da colección dos "Minimortos" e de "Ana Kadabra".






viernes, 14 de octubre de 2022

A BIBLIOTECA XA ABRIU AS SÚAS PORTAS!

Xa está aberta a biblioteca! Previamente, foron seleccionados os axudantes tras entregar o seu currículum, pasar entrevistas individualizadas...

O primeiro día de biblioteca o celebramos con Mouchán saíndo ao patio cun montón de libros seleccionados para as diferentes idades. Pasamos unha fermosa xornada de sol lendo ao aire libre.

No seguinte vídeo podes ver as fotos destes días.

Agárdovos na biblio!

Un saudiño, 

Mouchán


martes, 20 de septiembre de 2022

CURSO 2022-2023

Benvidos a este novo curso!!

A biblioteca está a piques de abrir pero estamos preparando un montón de cousas.

En primeiro lugar, xa que este ano podemos ter de novo aos axudantes, estamos en proceso de selección.

Se queres formar parte do equipo de biblioteca non esquezas enviar o teu currículo.

Estamos agardándote!

Saudiños, 

Mouchán



viernes, 17 de junio de 2022

RECOMENDACIÓNS LECTORAS DE VERÁN

Ola nenos e nenas:

O curso xa está rematando. Comeza o verán e, con el, máis tempo de lecer que debemos ocupar de forma axeitada: xogando, indo á praia ou piscina, paseando á vez que respectamos a natureza... e, por suposto, acompañados de libros que nos fagan rir, pasar medo, imaxinar... divertirnos!!!

Se premes neste gatiño tan simpático, verás as recomendacións lectoras para este verán 2022. Preme en cada libro para saber algo máis sobre cada un e escoller os que máis che gusten.

Bo verán.

Un saudiño,

Mouchán



miércoles, 25 de mayo de 2022

LETRAS GALEGAS 2022

Este ano homenaxeamos a Florencio Delgado organizando un recital poético. Aquí podedes escoitar algúns dos seus versos.


Desde as clases deuse a coñecer a súa figura e a súa obra con diferentes materiais adaptados a cada idade. No cole, Florencio está presente nos nosos corredores e, como non podía ser doutro xeito, o recanto da nosa biblioteca está dedicado a el xunto con libros en galego doutros autores.



martes, 24 de mayo de 2022

viernes, 20 de mayo de 2022

PDI 4º DE EDUCACIÓN PRIMARIA

En 4º de Educación Primaria estivemos investigando sobre os efectos que teñen na nosa saúde o emprego das pantallas e dispositivos electrónicos como poden ser o teléfono móbil, a tablet, a televisión, as videoconsolas...

En primeiro lugar, pensamos na nosa rutina e cada cativo anotou todo o que realiza ao longo do día durante unha semana normal da súa vida. Despois, sacamos conclusións sobre os nosos hábitos e a importancia do descanso, a alimentación, as actividades que realizamos no noso tempo de lecer, axudar na casa, pensamos alternativas ao emprego de pantallas...

En segundo lugar, buscamos información sobre os efectos das pantallas na nosa saúde. Traballamos en gran grupo e en pequenos grupos clasificando efectos en varias categorías: "o noso corpo", "saúde mental", "capacidades e escola" e "vida diaria".

Paralelamente, tentamos realizar un challenge na casa durante unha semana co reto de evitar pantallas polo menos durante as comidas en familia. Non sempre foi doado polas rutinas, hábitos e gustos dos membros das familia. Non é doado, pero algún cativo apreciou diferenzas cando non había pantallas.

En terceiro lugar, con todo o investigado e as nosas conclusións elaboramos o produto final. Este consistiu no deseño de tres programas de radio, un por cada grupo de traballo. Deseñamos casos cunha problemática diferente, identificamos que posibles efectos poderían ter na saúde e, grazas á intervención dos "nosos expertos" aportamos consellos saudables.

O nome que escollemos para o noso programa de radio é "Saúda á saúde". A continuación, coas ligazóns, podedes escoitar os tres capítulos deste programa que gravamos en Radio Chans con moita ilusión. 

Agardamos que vos gusten e que, se o precisades, poñades en práctica os nosos consellos.

PROGRAMA 1:

Saúda á saúde-Ismael, Lucía, Breixo e Eloy


PROGRAMA 2:

Saúda á saúde-Nico, Sara e Roi


PROGRAMA 3: 

Saúda á saúde-Laura, Marta, Saúl e Camilo



miércoles, 18 de mayo de 2022

PROXECTO DE 3º DE EDUCACIÓN PRIMARIA

Presentamos o proxecto que fixo o alumnado de 3º sobre a saúde.

A OMS define a saúde como “o estado completo de benestar físico, mental e social dunha persoa e non só a ausencia de enfermidade”. A OMS considera que o goce do grao máximo de saúde que se poida lograr é un dos dereitos fundamentais de todo o ser humano.

Traballamos sobre hábitos saudables, receitas saudables e saúde emocional. Os produtos finais verédelos a continuación. Están colgados polo cole para que os vexades mellor.


HÁBITOS SAUDABLES:

Para ter boa saúde debemos seguir unhas normas que nos axudan a sentirnos mellor e a previr enfermidades. Se as seguimos ben, enfermaremos menos veces.

O alumnado de 3º traballamos 10 hábitos saudables que recollemos nun mural para que a comunidade educativa os teña presentes e os poña en práctica cada día.



RECEITAS SAUDABLES:

Dentro dos hábitos saudables, profundizamos máis na importancia dunha dieta equilibrada, traballando menús e receitas saudables.

Tendo en conta que unha dieta variada é a que contén unha cantidade adecuada de proteínas, hidratos de carbono, graxas, vitaminas, minerais e auga, fixemos unha recompilación de receitas que recollemos no libro titulado “Receitas saudables”.


SAÚDE EMOCIONAL: 

A saúde emocional é a capacidade de controlar e xestionar as nosas emocións, sentimentos e comportamentos. Trátase do estado de ánimo da persoa, moi importante nun momento de pandemia coma o que estamos a vivir.

Para mellorar a saúde emocional, gravamos podcasts en Radio Chans e vídeos, recitando poemas de Florencio M Delgado Gurriarán, escritor homenaxeado este ano no día das Letras Galegas. Ademáis promovemos a imaxinación artística ilustrando os seus poemas. Podedes escoitalos na plataforma ivoox que xa coñecedes de escoitar outros programas.

https://go.ivoox.com/rf/87224445



viernes, 13 de mayo de 2022

NOVIDADES EMOCIONANTES

Porque todos debemos saber o que sentimos, entender as nosas emocións, non ter medo delas... chegan estes seis libros para axudar a todos desde ben pequenos.

Achégate á biblioteca. Podes lelos individualmente, coa profe, con papá, con mamá, con outro familiar, con amigos... e despois comentar as vosas impresións, poñer exemplos co que vos pasa no día a día...


 

viernes, 29 de abril de 2022

DÍA DO LIBRO 2022

Recuperando actividades que se tiveron que interromper como consecuencia das restricións, retomamos a dos padriños e madriñas lectoras que tanto nos gusta e coa que tanto desfruta a cativada.

Así, celebramos o Día do libro neste ano 2022.







RECANTO DE PRIMAVERA

Cantos libriños de primavera hai no noso recanto! Para todas as idades e de temáticas variadas: natureza, música, manualidades, xogos e deportes...